O decreto de estado de alarma motivou a suspensión de todas as competicións deportivas do país, partidos do Pontevedra incluídos.
Moitos dos seus seguidores botan de menos a súa puntual visita ao templo granate para gozar e sufrir co seu equipo, para combater esta síndrome de abstinencia o xornalista local Alexandre Davila puxo en marcha a través de Twitter unha cadea consistente na recompilación de vídeos, resumos, reportaxes e partidos completos en formato audiovisual da escuadra de Pasarón que atopou a colaboración de numerosos afeccionados.
O redactor puxo a primeira pedra deste incipiente e emotivo arquivo coa subida do encontro de ida da fase de ascenso da tempada 2009/2010 entre o Pontevedra e o Oviedo que os granates conseguiron vencer por 2-1 con tantos de Ibán Espadas e Igor de Souza.
Completou esta primeira achega cos programas completos de Pondeporte, un magacín deportivo centrado na actualidade do conxunto pontevedrés que emitía Localia, posteriores aos dous encontros desta eliminatoria superada polo conxunto que dirixía Pablo Alfaro e tamén coa última emisión da tempada.
As respostas e felicitacións polo fío non se fixeron esperar. Borja Abelleira engadiu o partido de Copa do Rey da tempada 2007/008 na que o Pontevedra derrotou ao Real Zaragoza en Pasarón para logo caer eliminado na Romareda e Pablo Cacheda compartiu unha ligazón de Drive repleto de xoias como os goles do partido que significou o ascenso a Segunda División e todos os resumos da campaña posterior na división de prata do fútbol español.
A cousa non quedou aí e poucos días despois os integrantes da pena madrileña do Pontevedra, Territorio Granate, compartiron outro glorioso triunfo do equipo de Pasarón. Foi na tempada 2004/2005, no feudo que linda coa capela de Santiaguiño, o pechacancelas de Segunda División deblegaba por 3-1 e despois de xogar media hora cun futbolista menos ao líder da categoría, ao seu máximo rival, ao Celta de Vigo. Os peñistas engadiron tamén unha ligazón que ofrece a descarga doutros partidos do Pontevedra como un dono contra o Real Madrid de finais dos sesenta.
E como o confinamento continúa e o seu fin aínda non se atisba, as achegas non deixan de sucederse. O último en engadir o seu granito de area foi un exgranate ilustre. Luciano, que fichou polo Pontevedra na tempada de regreso da escuadra lerezana a Segunda División, compartiu con toda a comunidade o primeiro partido daquela histórica campaña. Un Pontevedra Polideportivo Exido no vetusto estadio de Pasarón que se saldou con derrota pola mínima para os granates.
Non é a única cadea relacionada co equipo pontevedrés que se mantén activa. Baixo o hashtag #Tumejorfotogranate, os afeccionados do Pontevedra comparten en redes como Twitter e Instagram os seus mellores recordos entre as que non faltan imaxes do último ascenso, o que devolveu ao club de Pasarón á categoría de bronce do fútbol español. Precisamente, os partidos dos dous últimos ascensos, contra o Lorca e contra o Haro, son dúas pezas que aínda faltan no repositorio dixital de momentos de gloria tinguidos de granate. A afección agárdaos.