A Copa Galicia de fútbol sala decidirase en Marín

Marín
21 de marzo 2018

A fase final da competición, na que defenderá a súa condición de campión o Poio Pescamar, disputarase o sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril no pavillón marinense da Raña, segundo confirmou a Real Federación Galega de Fútbol

Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca Diego Torrado

O pavillón marinense da Raña é o escenario escollido para acoller a fase final da XII Copa Galicia de fútbol sala feminino, na que o Poio Pescamar defenderá o título conseguido a pasada tempada.

Así o confirmou a Real Federación Galega de Fútbol, fixando a competición para o sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril.

A primeira xornada acollerá as semifinais do torneo, cun enfrontamento entre Ourense Envialia e Burela Pescados Rubén (17:30 horas) e outro entre Poio  Pescamar e Cidade das Burgas (19:30 horas).

Pola súa banda a gran final da Copa Galicia xogarase o domingo 1 de abril ás 19:00 horas, coas cámaras da segunda canle da Televisión de Galicia en directo.

Antes do partido polo título, A Raña será ademais escenario da I Mini Copa Galicia, que enfrontará aos equipos infantís do Poio Pescamar e A Fervenza (Burela) ás 16:30 horas.

As entradas para asistir aos encontros terá un prezo de 3 euros para o público adulto en venda anticipada e de 5 euros no despacho de billetes. Ademais os menores de 12 anos deberán abonar 1 euro. A venda anticipada estará aberta para os clubs participantes ata o día 23 de marzo. 

Ademais de Real Federación Galega de Fútbol e Concello de Marín, colaboran na organización os clubs locais de O Fisgón, Áncora D'Ouro, ED Marín e La Peña.