A covid deixa sen Xogos Panamericanos a Martín Bentancor cando xa se atopaba en Colombia

Pontevedra
01 de decembro 2021

O deportista arxentino do Tenis de Mesa Monte Porreiro deu positivo nas probas previas ao evento e atópase confinado na cidade colombiana, sen poder participar nunha competición internacional na que "creo que tiña moitas posibilidades de conseguir medalla", recoñece

Martín Bentancor co Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina 19-20 fronte ao Priego TM Diego Torrado

Confinado e sen poder participar nunha competición internacional na que "creo que tiña moitas posibilidades de conseguir medalla". Así se atopa estes días Martín Bentancor, xogador arxentino do Tenis de Mesa Monte Porreiro que fora convocado pola súa selección nacional para participar nos Xogos  Panamericanos Júnior que se celebran na cidade colombiana de Cali.

"Levo dous días illado en Cali, obviamente con tristeza e anoxo porque me pasara todo isto xusto antes de competir, pero o bo é que síntome ben", explica o xogador do club pontevedrés desde o país colombiano tras dar positivo por covid nas probas previas ao evento.

"Teño algúns síntomas como dor de garganta, mocos ou tose pero son leves", explica Bentancor a PontevedraViva "triste e anoxado de non poder participar" nunha competición para menores de 21 anos que se organiza por primeira vez para toda América.

"É unha especie de evento olímpico, soamente cos países de América, pero que é multideportivo, non só tenis de mesa, viaxando delegacións moi grandes de todos os países" resume desde a súa habitación en Cali.

Asumido o pau que supuxo o seu contaxio "o importante agora é que me poida recuperar o máis rápido posible para seguir enfocado no que queda de liga, adestramentos e torneos que haxa", asegura con enteireza pensando xa nos próximos retos que afronta o Tenis de Mesa Monte Porreiro. Iso si, antes "teño que estar uns 10 illado e logo xa podería volver".

En Pontevedra espéranlle cos brazos abertos pensando en protagonizar un bo papel nunha Superdivisión na que os da Boa Vila non volverán xogar ata o mes de xaneiro. Tempo suficiente para recuperar a un home que é xa unha peza importante dentro do equipo.