A Deputación estrea as recepcións ao Cisne tras o seu ascenso á Liga Asobal

Pontevedra
24 de maio 2022

Unha representación do plantel do club pontevedrés, xunto a corpo técnico e directiva, foi recibida este martes no Pazo Provincial polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, que encomiou a unha entidade que "é reflexo a un bo traballo de canteira que é un exemplo para o resto"

Recepción ao Cisne na Deputación tras o seu ascenso á Liga Asobal
Recepción ao Cisne na Deputación tras o seu ascenso á Liga Asobal / Deputación de Pontevedra

O Club Cisne Balonmán segue de celebración tras o seu brillante ascenso á Liga Asobal, conseguido a pasada fin de semana no Pavillón Municipal dos Deportes tras derrotar o Barça B.

Tras os festexos propios do logro, toca desde este martes o recoñecemento das institucións, sendo a primeira parada a Deputación de Pontevedra.

O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, ofreceu unha recepción oficial ao club pontevedrés, ao que encomiou como "reflexo a un bo traballo de canteira que é un exemplo para o resto", ao demostrar que apostar por xente da casa "son proxectos posibles e viables".

Gómez comprometeu a axuda da Deputación para o reto que supón tamén nos económico o salto da máxima categoría do balonmán nacional, ao ser necesario elevar o seu orzamento ata preto do medio millón de euros dobrando practicamente os números da actual campaña.

No acto tomaron tamén a palabra o xogador Pablo Picallo e o presidente cisneísta, Santi Picallo, agradecendo á institución que "sabemos que imos contar convosco" o próximo ano.

As celebracións polo ascenso do Cisne terán continuidade este mércores cunha nova recepción oficial, neste caso por parte do Concello de Pontevedra, na Casa das Campás.