A Casa das Campás foi escenario este mércores dunha recepción oficial do Concello de Pontevedra ao Club Cisne Balonmán tras o seu celebrado ascenso á máxima categoría do balonmán nacional, a Liga Asobal.
"É un dous tres equipos da cidade que está na máxima categoría", destacou no acto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, desexando que a diferenza do seu primeiro contacto coa elite hai dúas tempadas "este ascenso sexa mantido no tempo".
Pola súa banda o presidente cisneísta, Santiago Picallo, afirmou sentirse "moi arroupado" polo goberno municipal, aínda que lembrou o reto maiúsculo no económico que supón agora confirmar o seu salto de categoría, polo que aínda que a axuda do Concello "é moi importante se cadra queda curta".
Tanto é así que o dirixente afirmou que "este equipo vai estar aí se temos o respaldo da cidade".
Na recepción interviñeron tamén o edil de deportes, Tino Fernández, alegrándose de que "o ano que vén imos poder gozar do mellor balonmán de España" e un dos integrantes do primeiro plantel do Cisne, o pontevedrés Álex Chan, quen destacou ao seu equipo como "un grupo moi unido, que leva moitos anos traballando xuntos".