O ascenso do Club Cisne Balonmán á Liga Asobal, unido aos grandes resultados cultivados pola súa canteira nos últimos anos co culmen do ouro nacional xuvenil en 2021, non pasaron desapercibidos para a Real Federación Española de Balonmán.
A entidade federativa, tras unha reunión da súa Xunta Directiva, deu a coñecer a listaxe completa de galardoados na Gala dos Premios Nacionais 2022 que terá lugar o vindeiro sábado 11 de xuño en Madrid.
Trátase dun evento que trata de recoñecer o labor de xogadores, adestradores, directivos, clubs e entidades na promoción do balonmán.
Nesta ocasión a Federación Española incluíui entre os galardoados ao presidente cisneísta, Santiago Picallo, e ao seu adestrador, Javier Fernández 'Jabato', que serán distinguidos coa Medalla e Insignia de Bronce ao Mérito Deportivo.
Cabe destacar que no caso de Jabato, ademais da súa exitosa traxectoria como adestrador do Cisne, con dous ascensos á máxima categoría nas tres últimas tempadas, súmase o seu labor como técnico das categorías inferiores da Selección Española, coas que conseguiu unha medalla de bronce no Campionato de Europa Xuvenil celebrado o pasado verán en Croacia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.