A embarcación de Rodrigo Germade, subcampioa do Mundo en Hungría

Pontevedra
25 de agosto 2019

O cangués consegue, xunto aos seus tres compañeiros de embarcación, a prata na final deste domingo, despois do segundo posto de Teresa Portela

Rodrigo Germade cos seus compañeiros no podio do Mundial de Hungría Federación Galega de Piragüismo

Este domingo disputouse a xornada final do Mundial de Piragüismo, que se desenvolveu na cidade húngara de Szeged desde o pasado 21 de agosto.

Nesta ocasión, a actividade comezou ás 10:10 horas coa proba correspondente á final B de canoa individual masculina de 200 metros. Ao longo da mañá tiveron lugar outras carreiras, nas que os deportistas galegos conseguiron bos resultados.

Por unha banda, o cangués Rodrigo Germade, xunto aos seus compañeiros Saúl Craviotto, Carlos Arévalo e Marcus Walz, lograron a merecida prata na final A de K4 homes de 500 metros. Proclamándose, desta maneira, subcampións do Mundo na devandita modalidade.

Ademais, a embarcación de Antía Jácome e Patricia Coco meteuse no podio da final B da proba de canoa en parella de 500 metros. Finalizaron primeiras no seu grupo.

Para poñer fin ás probas matutinas, a padeeira do Ciudad de Pontevedra, Carolina García, terminou cuarta na final C da carreira de kaiak individual feminina de 500 metros.

O último galego en tomar parte na competición foi o grovista Tono Campos, que non conseguiu optar ao podio ao cruzar a liña de meta en novena posición despois de 23:39.67. Neste caso, o ouro foi para o alemán Sebastian Brendel. 

Consulta os resultados do Mundial de Piragüismo de Hungría.