A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra remata o ano coa presentación dos seus 'dragóns'

Pontevedra
30 de decembro 2018

A escola pontevedresa comeza con ilusión o 2019 despois dun ano de grandes éxitos en diferentes competicións

Presentación do equipo de 'dragon boat' da EP Ciudad de Pontevedra
Presentación do equipo de 'dragon boat' da EP Ciudad de Pontevedra / Diego Torrado

A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra pon punto e final a un ano de grandes éxitos. Para iso, reuníronse os deportistas da escola e demais personalidades da institución, este domingo no Peirao das Corbaceiras, para presentar oficialmente ao equipo da modalidade 'dragon boat'.

O acto celebrouse a partir das 10:00 horas en compañía de bo tempo.

A continuación, en torno ás 10:30, os compoñentes do grupo protagonista realizaron unha exhibición polas proximidades do peirao, con dous obxectivos.

En primeiro lugar, seguir achegando a cidade á modalidade de orixe asiática con máis de 2000 anos de antigüidade, e, por outra banda, dar a coñecer o conxunto que representará a Pontevedra en competicións nacionais, e que este verán xa conseguiu un terceiro posto no Campionato de España celebrado en Asturias.

Nas carreiras de Dragon Boat compiten embarcacións compostas por 12 ou 24 padeeiros e nas que case todos reman cara á meta. Case todos porque hai unha persoa, o temoneiro, que dirixe a embarcación desde a parte de atrás, e outra persoa que anima e marca as paladas desde a parte dianteira, impoñendo o ritmo con golpes de tambor.

Esta modalidade deportiva naceu, hai máis de 2.000 anos, polos pescadores que elixían o quinto día do quinto mes chinés, como un ofrecemento ao dragón, símbolo da auga. Ao longo destes anos foise modernizando nos seus materiais, aínda que se mantén o tradicional tambor e tamén a cabeza de dragón que decora as embarcacións. As distancias son 200, 500, 1.000 e 2.000 metros.

Así, o club comeza o novo ano con gran ilusión e coas esperanzas postas nos logros dos seus deportistas para poder continuar sendo un referente a nivel nacional.