A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra vence no Trofeo Princesa de Asturias

Pontevedra
15 de agosto 2018

360 deportistas participaron na mañá deste mércores 15 nunha nova edición do Trofeo Princesa de Asturias con saída en Portonovo (Sanxenxo) e meta na ponte do Burgo de Pontevedra

K4 Muller senior FEGAPI

Todos os clubs galegos participaron no XLI Trofeo Princesa de Asturias que se celebraba este mércores 15 desde a praia de Baltar en  Portonovo, Sanxenxo, ata a ponte do Burgo, en Pontevedra, un percorrido de 20 quilómetros pola ría. 

A saída dábase ás 11.30 horas para todas as embarcacións K4 e C4 das categorías senior e veteranos. Tamén á mesma hora, pero desde a praia de  Combarro iniciaban o seu percorrido as embarcacións de  K2 das categorías cadete e xuvenil. 

Por segundo ano consecutivo, o Club Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra logrou vencer na clasificación xeral por equipos obtendo 2083 puntos, mentres que a segunda posición foi a mans do Club Naval de Pontevedra, con 1.310 puntos. Por último, o terceiro posto levoullo o Club Piragüismo Rías Baixas, con 977 puntos. Cunha vitoria máis, o conxunto pontevedrés gañador este ano obterá o trofeo en propiedade. 

A primeira embarcación K4 en cruzar a liña de chegada foi a de Brais Sánchez, Javier Conde, Antonio Palmás e Breixo  Buján do Piragüismo Vilaboa cun tempo de 01:10:46 milésimas, seguido polo Naval de Pontevedra e polo equipo de Piragüismo  Portonovo.

En C4,  a tripulación formada por Damián González, Yerai García, Rois Baulde e Alberto Longa obtiña a vitoria, seguida por unha embarcación mixta. As mulleres do Club As Torres Romaría Viquinga de Raquel Da Costa, Fátima Ordóñez, Ángela  Baulde e Antía Santiago conseguiron o triunfo cun tempo de 01:24:50 milésimas e a medalla de prata foi para a piragua Club de Mar Ría de Aldán.

 Na categoría cadete foron Miguel Paz e Álvaro Cidre (Piragüismo  Verducido) en K2, Santiago Gómez e Martín  Jácome (E. P. Cidade de Pontevedra) en  C2 e Nuria Romeu xunto con Candea Fernández (Kaiak Tudense). Mentres que na categoría xuvenil impuxéronse Álvaro López e Jaime Duro (E. P. Cidade de Pontevedra) e Lara Feijoo con Joana Dous Santos (Kaiak Tudense) en K2.

Na categoría de veteranos, a medalla de ouro levoulla a piragua de Carlos Pedreira, José  Menéndez, Jose García e Antonio Polo.

As clasificacións poden consultarse na web da Federación Galega de Piragüismo.