A Federación Galega de Fútbol comunica a súa intención de cancelar a tempada desde a Primeira Galicia cara abaixo

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

Así llo fixo saber aos clubs nunha reunión telemática celebrada este luns. Desta forma Preferente sería a única competición autonómica que se retomaría, ao ser tamén a que rexistra un maior número de inscricións

Partido entre o Marcón e o Alertanavia no Carrasco Diego Torrado

Sen fútbol na Primeira, Segunda e Terceira categoría autonómica. É a decisión que tomou a Real Federación Galega de Fútbol tras comprobar o número de inscricións formalizadas para estas categorías.

Así llo comunicou aos clubs o organismo reitor do balompé galego nunha reunión telemática celebrada este luns.

Desta forma Preferente, onde se formalizaron o 90% das inscricións renunciando equipos como o  Céltiga, Portonovo ou Sanxenxo, será a única categoría de ámbito autonómico que si se activará, aínda que a súa data de inicio (24 de xaneiro) aínda está suxeita a posibles cambios.

Con esta decisión é previsible que non se produzan descensos desde Preferente, ao non haber ascensos desde a Primeira Galicia, o que podería arranxar o conflito aberto cos clubs que se negan a competir esta tempada alegando a falta de recursos ou a inseguridade que iso supón. Iso si, faltaría por saber como se solucionarían os posibles arrastres de categorías superiores.

Cabe lembrar que no grupo pontevedrés da Primeira Rexional, o Subgrupo 5A, a maioría de clubs participantes (USD O Grove, Unión Dena CF, Moraña CF, Marcón Atlético, Atlético Cuntis, Campolameiro CD, A Lama SD e SD Amanecer) emitiron un comunicado mostrando a súa negativa ao comezo da competición.