A inauguración do Europeo Júnior de Loitas Olímpicas coloca a Pontevedra como "capital do deporte"

Pontevedra
05 de xuño 2019

No segundo día de competición, o Pavillón Municipal dos Deportes acolleu a cerimonia de inauguración oficial do campionato, un Europeo que tamén se está deixando notar noutras localidades das Rías Baixas como Sanxenxo e Vigo

Inauguración do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas
Inauguración do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas / Mónica Patxot

Aínda que a competición iniciouse o luns, no seu segundo día de actividade oficial o Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas que se celebra no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra viviu a súa cerimonia oficial de inauguración.

Os enfrontamentos de loita grecorromana que estrearon o Europeo fixeron un alto para acoller un acto no que estiveron presentes numerosas autoridades, desde o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, pasando pola presidenta provincial, Carmela Silva; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas, Francisco Iglesias; e o vicepresidente da Federación Internacional, Tzeno Tzenov.

En total competirán durante toda a semana na  Boa Vila ao redor de 800 deportistas de 37 países, o que converte á cidade en "capital do deporte", reiteraron as autoridades. O alcalde sinalou a cita como "histórica para este deporte", mentres que Carmela Silva recoñeceu a "gran visión" da concelleira  Anxos Riveiro na aposta por este campionato. Lete pola súa banda dirixiuse á representación galega (Nerea Pampín, Carlos Yobani e Santiago Sánchez) para mostrarse convencido de que "demostrarán o músculo co que conta a loita galega".

O impacto do Europeo é tal, aseguran, que o evento se fai notar noutras localidades das Rías Baixas como Sanxenxo e Vigo, onde se montaron os seus cuarteis xerais algunhas delegacións.

Na primeira xornada de finais, con cinco categorías en xogo de loita grecorromana, Turquía con dous ouros, Rusia, Hungría e Xeorxia dominaron o medalleiro. 

Este mércores dispútanse as outras cinco finais por pesos de grecorromana, e comeza a competición na loita feminina con clasificatorias e semifinais de cinco categorías femininas (50, 55, 59, 68 e 76) e o sorteo dos outros cinco pesos (53, 57, 62, 65 e 72 quilos), onde entrará en acción o xoves a dezana Nerea Pampín, do Keltoi Vila de Cruces.