A iniciativa 'Pontevedra Run 100x1000' recada 350 quilos de alimentos para o Comedor de San Francisco

Pontevedra
22 de decembro 2014

A intención dos organizadores é repetir este reto solidario nos próximos anos. Celebrouse durante 10 horas na Illa das Esculturas

'Pontevedra Run 100x1000' na Illa das Esculturas GV Sports

Satisfactoria estrea da inicitiva solidaria 'Pontevedra Run 100x1000' celebrada o pasado sábado na Illas das Esculturas.

O reto, deseñado para fomentar o deporte e a axuda social entre os pontevedreses, consistía na realización de series de carreira de 1.000 metros cun descanso dun minuto entre cada unha.

O único requisito para participar era achegar polo menos un quilo de comida, o que permitiu recoller 350 quilos de alimentos non perecedoiros que foron entregados ao Comedor de San Francisco.

Os promotores do reto, Jorge Sabugo e Anxo Graña, responsables de GV Sports, foron os que máis quilómetros percorreron, cun total de 65 e 55 respectivamente durante as aproximadamente 10 horas de duración.

A intención de ambos os dous é repetir a 'Pontevedra Run 100x1000' en 2015.