A internacional brasileira Jane Marques, reforzo de categoría para o Poio Pescamar

Poio
13 de xullo 2021

A futbolista brasileira, campioa de liga co Burela, é a terceira fichaxe do conxunto conserveiro. "Daranos un plus de experiencia e unha maior competitividade nos partidos importantes", asegura o técnico Manu Cossío

Jane Marques (dereita) no partido entre o Poio Pescamar e Burela na Seca
Jane Marques (dereita) no partido entre o Poio Pescamar e Burela na Seca / Cristina Saiz

Reforzo de peso para o novo proxecto deportivo do Poio Pescamar, que este martes confirmou a fichaxe da brasileira Jane Marques.

A internacional carioca, campioa de liga co Burela, convértese así na terceira incorporación do equipo adestrado por Manu  Cossío.

"Incorpórase unha xogadora top que nos dará un plus de experiencia e unha maior competitividade nos partidos importantes", asegura o técnico sobre a chegada da ala-peche.

Trátase dunha futbolista que "destaca polo seu dominio coas dúas pernas, boa pasadora, chegada a portería e contundente en defensa", sinala a entidade conserveira.

Jane Marques é a oitava peza confirmada do Poio Pescamar para o próximo curso tras as renovacións de Caridad, Irene, Dani Sousa, Luci e Ana Rivera e as fichaxes de Lucía Paz e Martita.