Luísa Mayara, un "plus de calidade" para o plantel do Poio Pescamar

Poio
27 de xullo 2021

A futbolista brasileira chega a Poio procedente do Burela Pescados Rubén como quinto reforzo estival do conxunto conserveiro

Luísa Mayara, nun partido co Burela Pescados Rubén
Luísa Mayara, nun partido co Burela Pescados Rubén

O Poio Pescamar vén de confirmar á súa quinta fichaxe estival, e por segunda vez acudindo ao persoal do campión de liga, o Burela Pescados Rubén.

O conxunto conserveiro fíxose cos servizos da internacional brasileira Luísa Mayara, futbolista que reforzou o pasado mercado invernal ao Burela.

Zurda de pé, Mayara chega ao club da Seca "para sumar un plus de calidade", afirma a entidade.

No seu segundo club en España tras unha longa traxectoria no seu país e tamén na liga italiana, Luísa Mayara reencontrarase en Poio coa súa compatriota Jane Marques, coa que coincidiu en Burela, sumándose a un plantel que empeza a estar practicamente definido.

Manu Cossío conta actualmente para o seu novo proxecto no banco vermello con 10 pezas confirmadas, ao sumarse esta nova fichaxe ás incorporacións de Lucía Paz, Jane Marques, Anna Escribano e Martita e ás renovacións de Caridad, Irene, Dani Sousa, Luci e Ana Rivera.