A mala sorte cébase cun Javi Gómez Noya que abandona o Europeo de tríatlon xunto Pablo Dapena

Pontevedra
11 de xullo 2015

Ambos os dous víronse obrigados a abandonar durante o transcurso do Campionato de Europa de Tríatlon que se disputou este sábado na localidade de Xenebra (Suíza). Especialmente dolorosa foi a do ferrolano afincado en Pontevedra, xa que unha caída e posteriores problemas técnicos coa súa bicicleta lle impediron aspirar a conseguir o seu cuarto título europeo

Javi Gómez Noya e Mario Mola, nas Series Mundiais de Chicago
Javi Gómez Noya e Mario Mola, nas Series Mundiais de Chicago

Non foi o día para Javier Gómez Noya e Pablo Dapena. Ambos os dous víronse obrigados a abandonar durante o transcurso do Campionato de Europa de Tríatlon que se disputou este sábado na localidade de Xenebra (Suíza). Especialmente dolorosa foi a do ferrolano afincado en Pontevedra, xa que unha caída e posteriores problemas técnicos coa súa bicicleta lle impediron aspirar a conseguir o seu cuarto título europeo.

Gómez Noya partía como gran favorito, sobre todo ante a ausencia dos irmáns Brownlee, pero o triatleta galego non estivo cómodo en ningún momento da proba. Saíu da auga xa moi atrasado -foi décimo sétimo tras quilómetro e medio nadando- ao ao pouco de comezar a pedalear sobre a bicicleta sufriu unha caída que, ademais das feridas que lle causou, o obrigou a cambiar unha das rodas e perder moito tempo.

Aínda así intentouno, apoiado en todo momento polo pontevedrés Pablo Dapena, integrante do seu grupo de adestramento na cidade do Lérez, a pesar de que este chegaba a Xenebra sen estar nas súas mellores condicións e recén recuperado dunha lesión.

Ambos os dous esforzáronse para intentar achegarse aos primeiros clasificados antes de que rematasen os 40 quilómetros do segmento ciclista. Foi en van, porque ningún outro deportista os axudou e ese esforzo pagárono durante a carreira a pé e víronse obrigados a abandonar.

No caso de Gómez Noya, quizais a decisión máis intelixente ante a súa cita coas Series Mundiais de Hamburgo dentro de tan só sete días.

O triunfo na proba foi para o francés Davis Hauss cun tempo dunha hora, 52 minutos e 55 segundos. O mellor español clasificado foi Cesc Godoy, que cruzou a liña de meta nunha gran sétima posición.