A piscina do CGTD, sede das supercopas galegas de waterpolo

Pontevedra
30 de setembro 2015

Os equipos masculino e feminino do Waterpolo Galaico buscarán o primeiro título da tempada ante o Club Natación Coruña  

Presentación da supercopa galega de waterpolo no CGTD PontevedraViva

Os equipos masculino e feminino do Club Waterpolo Galaico Pontevedra buscarán este sábado 3 de outubro o primeiro título oficial da tempada, a supercopa galega.

A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá os dous partidos, ambos ante o Club Natación Coruña.

A xornada, que contará con entrada de balde para o público, comezará ás 17:00 horas coa final feminina, mentres ás 19:15 horas será a quenda dos rapaces.

Entre medias, os conxuntos infantís de ambos clubs disputarán un encontro amigable (18:15 horas).

O Waterpolo Galaico inicia a tempada oficial mentres negocia horas de piscina en Rías do Sur, instalación que polo momento non poden utilizar: "pese a las adversidades estamos intentando llegar a un acuerdo por el bien de nuestros jugadores", explicou a súa presidenta Paqui García.

É a quinta vez que se organiza a supercopa galega, e en todas elas estivo representado o club pontevedrés.