Despois de case dous meses de incerteza, a recentemente renovada pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra está dispoñible para o uso dos deportistas desde este mesmo luns.
Así llo comunicou aos clubs a dirección do CGTD tras recibir a confirmación oficial da súa homologación.
Os xuíces da Real Federación Española de Atletismo recolleron no seu informe varias deficiencias, pero validaron os desniveis da pista que xeraron unha importante polémica no atletismo autonómico, ao entender que están dentro do permitido pola normativa internacional da IAAF.
Desta forma, a instalación poderá acoller competicións oficiais despois de que a empresa Mondo emendase as demais deficiencias detectadas e que impedían a recepción da obra por parte da Xunta de Galicia.
O atraso na recepción da obra trastornou o inicio de tempada de clubs e atletas que alí adestran e que poderán usar de novo a diario as intalaciones nun ano no que algúns deles buscarán a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016.
A Xunta de Galicia investiu na remodelación 435.000 euros, ao que se suman os preto de 70.000 empregados na primeira fase, centrada na zona de lanzamentos e saltos.