A primeira fase de renovación na pista de atletismo do CGTD estará concluída en xaneiro

Pontevedra
18 de decembro 2014

A reforma integral acometerase durante os meses de verán sempre que se cumpran os prazos previstos para a licitación e adxudicación do proxecto, segundo trasladou o Secretario Xeral para o Deporte nunha visita ao centro

Primeira fase da reforma das pistas de atletismo do CGTD PontevedraViva

A primeira fase das obras de reforma da pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva estará finalizada ao longo do mes de xaneiro.

Así o asegurou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, nunha visita ao centro, nas que recoñeceu que a climatoloxía ocasionou un leve atraso nunha actuación que precederá á renovación integral das instalacións atléticas.

Polo momento os traballos centráronse na mellora dos corredores de lanzamentos e xavalina, o de salto de lonxitude, a zona de salto de altura, os círculos de lanzamento de peso, a zona de lanzamento de disco e martelo e o bordo da pista cun presuposto lixeiramente superior aos 64.000 euros.

Lete adiantou que espera ter pechado o proxecto de reforma integral en xaneiro, o que supoñería "adjudicarlo en mayo, como muy tarde junio, para acometer esa reforma en verano para que interfiera lo menos posible en la marcha del centro".

A segunda fase de reforma da pista de atletismo, comprometida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, custará algo máis de 430.000 euros nunhas obras que contarán cun prazo de execución de tres meses.