A Raña volverá saborear a LEB Ouro o 4 de outubro coa visita do Cáceres

Marín
16 de xullo 2019

Os de Javi Llorente debutarán na segunda categoría do baloncesto español o 27 de outubro fóra de casa contra o Valladolid

Jorge Romero, no partido entre Peixe Galego e Breogán na Raña Diego Torrado

Dous anos e medio despois de despedirse da segunda categoría do baloncesto nacional, o Peixe Galego volverá saborear a LEB Ouro. Farao o próximo 27 de setembro en Valladolid, polo que a afección terá que esperar unha semana máis para volver gozar do seu equipo. Será o 4 de outubro cando recibirán ao Cáceres na segunda xornada de liga.

Como ocorreu hai tres tempadas, a antesala da ACB volverá falar galego con catro equipos na categoría, un de cada provincia. O primeiro derbi que afrontará o cadro da Raña chegará na xornada 6, que se disputará o 29 de outubro e traerá ao templo marinense ao Leyma Coruña. A Lugo viaxarán os azuis o 22 de novembro para medirse ao Leite Río Breogán, mentres que o partido contra o Club Ourense será unha semana máis tarde na cancha do Morrazo.

A última xornada, na que o equipo que dirixe Javi Llorente soña con celebrar a permanencia na categoría, disputarase o 8 de maio e o Peixe Galego terá que desprazarse a Alacante.

Coa continuidade do corpo técnico asegurada e as fichaxes do base de Chantada, Carlos Noguerol, e o á pivote canario, Jacobo Díaz, confirmados, desde as oficinas da Raña continúan traballando para poñer ao dispor de Javi Llorente un persoal que poida competir pola permanencia.