A renuncia a facer os clasificatorios olímpicos pendentes pecha a porta a Tokyo a varios padexeiros da comarca

Pontevedra
20 de marzo 2020

A Federación Internacional de Piragüismo descartou a celebración do clasificatorio europeo, última vía que tiñan de chegar aos Xogos deportistas como Adrián Sieiro e Sergio Vallego no C-2, que quedan pendentes da reasignación de prazas

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no mundial de Szeged
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no mundial de Szeged / Fegapi

A Federación Internacional de Piragüismo descartou de maneira oficial a celebración das competicións preolímpicas pendentes, nas que se debían adxudicar o 15 por cento das prazas que faltan por outorgar para participar nos Xogos de Tokio, se é que estes chegan finalmente a celebrarse ante a situación de alarma mundial polo avance do coronavirus.

Precisamente a pandemia provocou a suspensión das competicións internacionais ata finais do mes de maio.

Esta decisión, trasladada a nivel nacional aos deportistas por parte da Real Federación Española de Piragüismo, pecha a porta á cita olímpica a varios padexeiros da comarca, que tiñan posto o seu obxectivo da tempada no preolímpico europeo que repartía os últimos billetes para Xapón, e deixa a outros pendentes da reatribución de prazas.

Segundo este comunicado a entidade federativa mundial (ICF) trasladará o próximo 1 de abril o seu pronunciamento sobre o sistema que determinará a adxudicación desas prazas pendentes, sobre as que os dirixentes europeos e asiáticos mostráronse partidarios de dar prioridade á clasificación obtida no Mundial 2019.

Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), conseguiría billete no C-2 500 metros xunto á súa compañeira Patricia Coco ao ser a primeira embarcación reserva a nivel europeo

De ser así unha canoísta pontevedresa, Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), conseguiría billete no C-2 500 metros xunto á súa compañeira Patricia Coco ao ser a primeira embarcación reserva a nivel europeo. Pola súa banda Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio) terían opcións no  C-2 1000 metros como terceiros reservas europeos tras o seu quinto posto na Final B do pasado Mundial de Hungría.

Os que seguro xa non poderían acceder ao soño olímpico serían Manuel Fontán (Naútico O Muíño de Ribadumia) xunto ao cangués Pablo Graña na mesma distancia, o C-2 1000 metros, na que aspiraban conseguir no selectivo nacional o pase ao preolímpico, ou Natalia García (Breogán) no kaiak. Mesma situación na que se atopa Diego Romero (Breogán do Grove) no seu caso na canoa individual, o  C-1 1000.