Os deportistas pontevedreses con aspiracións a estar en 2021 nos aprazados Xogos Olímpicos de Tokyo empezan xa a pensar no camiño que lles espera cara á cita, unha vez confirmada a súa data definitiva.
A cita olímpica celebrarase nunhas datas similares ás previstas inicialmente para este ano, empezando o 23 de xullo e finalizando o 8 de agosto, mentres que os Xogos Paralímpicos comprenderán do 24 de agosto ao 5 de setembro.
Así o confirmou este luns o presidente do comité organizador, Yoshiro Mori, despois de conversar telefonicamente co presidente do Comité Olímpico Internacional (COI), Thomas Bach.
Ábrese desta forma agora un período de replanificación que afecta os deportistas pontevedreses con aspiracións a estar no gran evento do deporte mundial.
Aínda que o COI confirmou no seu momento que os atletas que xa estaban clasificados para Tokyo 2020 seguen estando clasificados, o certo en que en moitos casos as prazas aínda estaban en xogo ou corresponde ás federacións ratificalas debido a que non son nominais.
Este último caso é o de Támara Echegoyen, ouro en Londres 2012, aínda que a Real Federación Española de Vela anunciou que manterá o pasaporte olímpico aos deportistas xa ratificados no posto, como sucede coa regatista pontevedresa á cal se lle asignou a praza no 49 erFX de vela tras proclamarse campioa mundial no principio do ano. Tamén Juan Antonio Saavedra estaba clasificado no tiro paralímpico.
Caso diferente serán os deportistas que aínda tiñan que acreditar unha marca mínima ao longo da tempada recentemente comezada, como Bea Gómez Cortés en natación ou Jean Marie Okutu en atletismo.
Ademais en piragüismo Teresa Portela debía ratificar a súa condición de olímpica no selectivo nacional e outros compañeiros como Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Diego Romero ou Natalia García, entre outros, tiñan as súas esperanzas postas nos campionatos preolímpicos, do mesmo xeito que Lydia Pérez e Pablo García en loita, mentres que Melania Rodríguez pensaba na vía do Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín.
Pola súa banda en tríatlon Javi Gómez Noya tiña na man a súa clasificación pola súa situación no ranking nacional e internacional, aínda que a Federación Española debe aclarar aínda como actuará para 2021.
Son en todo caso dúbidas que se irán agora aclarando aos poucos ante o novo obxectivo da gra maioría de deportistas de elite, estar en Tokyo aínda que sexa un ano máis tarde do previsto.