Converteuse nun auténtico fenómeno de masas, sendo unha cita ineludible para os afeccionados ao deporte na cidade. A San Silvestre de Pontevedra, na súa edición XXXIII, quenta xa motores anunciando cambios no seu sistema de inscrición.
Segundo confirmou a Sociedad Gimnástica, o prazo de anotación abrirase nesta ocasión o luns 12 de decembro, pero farao unicamente de maneira presencial e non a través da páxina web do club atlético, como en pasadas edicións.
Desta forma os pontevedreses que queiran despedir o ano facendo deporte nas rúas da cidade deberán pasar pola Casa da Luz para inscribirse, cun prazo que se amplía esta vez ata o propio día da carreira, o sábado 31 de decembro.
O dorsal entregarase xa no momento de inscribirse, cun horario de atención ao público de 17:00 a 19:30 horas (de luns a venres) ata o día 28 de decembro. Xoves 29 e venres 30 atenderase aos atletas de 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 19:30 horas e o sábado 31 de 10:00 a 13:30 horas.
A inscrición será de balde, aínda que desde a Gimnástica sinalan que se poderá achegar un euro de maneira voluntaria para sufragar os gastos da carreira. Ademais organizarase de novo unha recollida solidaria de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.
A XXXIII San Silvestre de Pontevedra celebrarase, como é habitual, o día 31 de decembro con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Montero Ríos, co reto de superar a cifra record de participación de 2015, cando tomaron parte na proba preto de 6.000 deportistas.