A aventura de Jéssica Bouzas no WTA 1.000 de Madrid, na súa primeira participación nun cadro principal dun torneo desta categoría, chegou ao seu fin este xoves sobre a terra batida da Caixa Máxica.
A tenista arousá viuse superada en segunda rolda pola letona Jelena Ostapenko, actual número 10 mundial e toda unha gañadora de Roland Garros.
Bouzas deu batalla á súa rival ao comezo do partido, rompendo por dúas veces o servizo da letona (2-1), pero terminou cedendo ante o empuxe e calidade de Ostapenko, que pechou a primeira manga cun tenteo de 3-6.
Cun set a favor, a Top-10 Ostapenko non afrouxou o nivel e dominou o segundo set ata gañar o partido cun contundente 1-6 en apenas 1 hora e 8 minutos de xogo.
A pesar da derrota Jéssica abandona o WTA 1.000 de Madrid con boas sensacións e deixando a impresión de que segue a dar pasos axigantados no seu progreso, vendo xa as caras coas mellores raquetas do panorama internacional.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.