O Marín Peixe Galego xa vai coñecendo detalles do que se atopará a próxima tempada na Liga LEB Prata, á que ascendeu brillantemente nas canchas, aínda que non será o esperado.
A asemblea da Federación Española de Baloncesto vén de aprobar unha reestruturación da terceira categoría nacional, que se ampliará considerablemente.
Así, os 16 equipos con dereitos deportivos verán como a LEB Prata amplíase ata os 24, que quedarán repartidos en dous grupos de 12, Leste e Oeste. O campión da a segunda fase logrará o ascenso, mentres que as outras dúas prazas para a LEB Oro decidiranse unha fase final. Ao mesmo tempo perderán a categoría seis equipos.
Para esta ampliación a Federación convidará a varios equipos para subir de categoría, para o que primará por unha banda o proxecto económico dos clubs aspirantes e tamén se se trata de filiais de equipos da Liga ACB.
Ademais fixáronse as datas clave do calendario. A liga dará comezo o sábado 6 de outubro cunha primeira fase que se prolongará ata o 16 de febreiro. Despois chegará outro tramo de tempada para pelexar polo ascenso ou pola permanencia que se prolongará do 27 de febreiro ao 11 de maio. Por último a fase de ascenso disputarase o 18 e 25 de maio e a Copa LEB Prata o sábado 22 de decembro.
PRIMEIROS MOVEMENTOS
Mentres a categoría cambia coa súa nova configuración, o Peixe Galego dá os primeiros pasos para confeccionar o seu plantel, despois da renovación de Javi Llorente como máximo responsable técnico.
O primeiro xogador que confirmou a súa continuidade é o sueco Víctor Holmberg, que tras a súa volta ás pistas a pasada campaña seguirá xogando en Marín compaxinando a súa actividade co labor de adestrador na base do club.