O Peixe Galego pide aos seus afeccionados que 'non fagan o sueco' na súa nova campaña de abonados

Marín
20 de xullo 2018

O club marinense deu a coñecer o prezo dos abonos para a tempada do seu regreso á Liga LEB Prata de baloncesto

Víctor Holmberg, no partido entre Marín Peixe Galego e Igualatorio Cantabria
Víctor Holmberg, no partido entre Marín Peixe Galego e Igualatorio Cantabria / Diego Torrado

Non só de noticias deportivas vive estes días o Peixe Galego, que continúa coa composición do seu novo plantel tras incorporar a Juanchi Orellano como reforzo para o xogo exterior.

Ademais do que sucede nas canchas o club está pendente da bancada, e por iso pídelle aos seus afeccionados que 'non se fagan os suecos' e poñan toda a súa axuda para lograr cadrar o orzamento no seu retorno á liga LEB Prata.

Fíxoo a través da súa nova campaña de abonados, para a que recorreron a un xogo de palabras co seu xogador Víctor Holmberg, de nacionalidade sueca, co lema "Non fagas o sueco. Abónate".

O prezo dos carnés será de 55 euros, 30 euros na categoría especial (xubilados, parados e estudantes), 90 euros na modalidade familiar e 15 euros en idade xuvenil.

A directiva  peixe decidiu ademais facer un 10% de desconto aos afeccionados que proporcionen novas altas de socios entre algúns dos seus coñecidos.