Gran xornada deportiva, en concreto de ximnasia rítmica, a vivida o pasado sábado 20 de maio no pavillón marinense da Raña baixo a organización do Club In Mare.
Alí déronse cita preto de 600 ximnastas de clubs de toda Galicia, con presenza tamén dun club de León, para participar no III Torneo Club In Mare e tamén no V Intercentros, no que tomaron parte tamén escolas municipais, colexios e ata un grupo de Zumba.
O pavillón rexistrou un gran ambiente durante toda a xornada, con importante presenza de público nas bancadas.
Ao final do día, pais, adestradoras e directivas do Club In Mare puxeron o broche bailando unha coreografía a modo de peche da competición.
O club marinense expresou ademais a súa satisfacción pola clasificación do seu ximnasta Roi Bouzas para o Campionato de España de Ximnasia Rítmica Masculino.