Accidentada primeira xornada no Campionato de España de Seleccións Territoriais

Pontevedra
02 de xaneiro 2018

A cita de balonmán, que reúne durante estes días máis de 2.000 xogadores en Pontevedra e Vigo, viuse obrigada a suspender e cambiar de localización varios encontros debido á condensación ocasionada nos pavillóns polo mal tempo. Sucedeu por exemplo nas pistas de Príncipe Felipe e o Universitario 

Primeira xornada do Campionato de España de Seleccións Territoriais de balonmán PontevedraViva

Pontevedra centra desde este martes todos os focos da actualidade do balonmán nacional coa disputa do Campionato de España de Seleccións Territoriais e o Memorial Domingo Bárcenas, organización que comparte coa cidade de Vigo.

Con todo o arranque de competición do Nacional para as categorías infantil, cadete e xuvenil non foi o esperado debido aos problemas ocasionados pola meteoroloxía.

Só en Pontevedra, víronse afectados varios encontros previstos nos pavillóns Universitario e da Cidade Infantil de Príncipe Felipe, debido a que as pistas de xogo estaban afectadas por condensación.

Desta forma os encontros tiveron que ser recolocados noutros horarios no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, onde a actividade desenvolveuse sen maior inconveniente e cun bo ambiente nas bancadas, e tamén ao pavillón de Monte da Vila no Grove e O  Gatañal en Cangas.

As inclemencias fixéronse notar tamén noutras sedes, obrigando a trasladar ata Bueu encontros que estaban programados inicialmente en Vigo e xa foran movidos a Candeán.

No Campionato de España de Seleccións Territoriais participan estes días máis de 2.000 deportistas, que protagonizarán ata o 7 de xaneiro ata 291 partidos en 21 pistas repartidas polo sur da provincia.