Acudir vestido de vermello ao pavillón da Seca ten premio

Poio
13 de novembro 2017

O Poio Pescamar traballa nunha serie de iniciativas para lograr un cheo total nas bancadas do pavillón para a visita o vindeiro sábado do Burela, nun duelo no que o liderado da Primeira División estará en xogo

Afección do Poio Pescamar na final da Copa Xunta de fútbol sala no Municipal de Pontevedra Cristina Saiz

O axustado triunfo en Leganés, sétima vitoria consecutiva na liga, mantén disparada a ilusión do Poio Pescamar nun inicio de competición histórico na máxima categoría, sendo terceiras a só dous puntos dos dous líderes, Atlético Navalcarnero e Burela FS.

Precisamente o equipo lucense será o próximo rival que visite o pavillón municipal da Seca (sábado, 16:30 horas) nun duelo no que o liderado da Primeira División estará en xogo.

Por ese motivo, e ante a ilusión de seguir pelexando polos primeiros postos, no club vermello puxéronse a traballar para que a afección de Poio marque o primeiro tanto enchendo a bancada do pavillón.

A directiva traballa nunha serie de iniciativas que pretender non só lograr o cheo absoluto, senón engalanar o pavillón. Entre esas propostas atópase a de premiar aos seguidores que acudan ao partido vestidos da cor do equipo, o vermello. Desta forma todo que o acuda uniformado á Seca entrará no sorteo de diferentes pezas de roupa do equipo, tales como sudaderas, chaquetas ou unha camiseta asinada por todas as xogadoras do primeiro plantel.

Ademais o Poio Pescamar, do mesmo xeito que noutras ocasións, repartirá invitacións nos colexios do municipio e en varios locais comerciais.