O Pontevedra Club de Fútbol non o fixo aínda oficial, pero as negociacións para tratar a renovación de Yago Iglesias romperon definitivamente, tal e como puido confirmar este luns PontevedraViva.
Fixérono máis dun mes despois de certificarse o ansiado ascenso a Primeira RFEF contra o Laredo.
Foron en contreto 36 días de incerteza, no que se produciron tanteos entre o club granate e o que era o seu adestrador para falar sobre os plans de futuro de ambas as dúas partes, pero sen que iso chegase a traducir nunha proposta concreta.
De feito, segundo o programa Ao Contrataque da Radio Galega, ao técnico de Ribeira non se lle chegou a presentar formalmente unha oferta para a súa renovación.
Aínda que o obxectivo se conseguiu o 20 de abril o Pontevedra, fiel á súa maneira de proceder nos últimos anos, quixo esperar ao final da competición antes de comezar a falar da próxima tempada.
Así, foi poucos días despois do duelo contra o Real Ávila da última xornada cando se produciu o primeiro tenteo entre a entidade de Pasarón e o preparador, na rolda de reunións co plantel e persoal celebradas os días 6 e 7 de maio para liquidar o curso.
Dese momento foron pasando as xornadas sen grandes avances até certificar unha separación que co paso do tempo empezaba a facerse máis evidente.
Isto sucede nunha semana importante e cunha data límite, xusto cando finalizou a liga de Primeira RFEF, xa que o mercado da terceira categoría nacional entra xusto agora en efervescencia.
Toda esta situación non evitou que o Pontevedra se atope traballando en confeccionar o seu próximo proxecto en Primeira RFEF e que mesmo teña xa contactado con candidatos ao banco, aínda que polo momento móvese na sombra e afastado dos focos.