Águeda Cons pon rumbo a Xapón

Pontevedra
01 de novembro 2017

A nadadora pontevedresa foi convocada co Equipo Nacional para participar na proba da Copa do Mundo FINA de piscina curta que se disputará os días 14 e 15 de novembro en Tokyo

Águeda Cons, na terceira xornada do Campionato de España Open de Primavera en Pontemuiños
Águeda Cons, na terceira xornada do Campionato de España Open de Primavera en Pontemuiños / Mónica Patxot

A tempada de natación arrinca con forza coas competicións internacionais de piscina curta, e niso céntrase xa Águeda Cons.

A nadadora pontevedresa pon rumbo a Xapón para afinar a súa posta a punto pensando na primeira gran competición do ano deportivo, o Campionato de Europa en piscina de 25 metros que se celebrará do 13 ao 17 de decembro Copenhague, Dinamarca.

Águeda foi convocada co Equipo Nacional para unha fase de preparación no país que acollerá os próximos Xogos Olímpicos no ano 2020.

Desta forma do 5 ao 12 de novembro permancerá concentrada na localidade de Yamaguchi e despois, os días 14 e 15 de novembro, participará na terceira proba da Copa do Mundo FINA que terá lugar no Tokyo Tatsumi International Swiming Center.

A deportista do Club Natación Galaico competirá en Tokyo nos 400 estilos e os 200 e 400 libre.