Alberto Pedreira e Lucía Vázquez, campións galegos de cross country olímpico en Samieira

Poio
19 de xuño 2016

Samieira viviu un sábado de grandes emocións no ámbito da mountain bike. Nesta parroqua da localidade pontevedresa de Poio celebrábase o campionato galego de cross country olímpico (XCO), una cita deportiva que non defraudou a ninguén

Campionato galego de XCO en Samieira
Campionato galego de XCO en Samieira / Diego Torrado

Samieira viviu un sábado de grandes emocións no ámbito da mountain bike. Nesta parroqua da localidade pontevedresa de Poio celebrábase o campionato galego de cross country olímpico (XCO), una cita deportiva que non defraudou a ninguén.

Nela, Alberto Pedreira (Bici Verde) e Lucía Vázquez (Maiatos/Reabnorte) foron os gañadores nas probas raíñas e o Academia Postal-Actyon-Maceda o gran triunfador nas categorías inferiores con catro vitorias, incluído un triplete en junior.

O circuíto polos montes de Samieira e a ruta dos muíños tiña unha lonxitude de cinco kilómetros, os tres primeiros eran de subida para despois entrar nunha zona cha e rematar cun descenso na súa chegada a meta. A proba reuniu a un total de 127 participantes.

Na carreira Elite e Sub23 producíronse varias incidencias, unha delas de carácter grave. Manuel Parada (VI 3) sufriu unha caída na que se rompeu cúbito e radio, Saúl López (Club Ciclista Maceda), outros dos favoritos á vitoria, viuse afectado por unha avaría e Samuel González (Óscar Pereiro) polas cambras.

Alberto Pedreira non desaproveitou estas circunstancias para ratificar o seu gran momento de forma e o actual líder do Open Galicia de XCO impúxose cun tempo de 1:24:56. En segunda posición a liña de meta chegou Marcos Villar (Maceda) detendo o reloxo en 1:27:20. A terceira praza foi para Saúl López, a case tres minutos e medio do gañador.

O podio Elite completouno Darío Otero (Compostelano), mentres que Villar estivo escoltado en Sub23 por Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) e Raúl González (Academia Postal).

Máis igualada estivo a pugna en féminas entre a gran favorita e a actual líder do Open de Galicia XCO. Lucía Vázquez cumpriu cos prognósticos e conseguiu a súa undécima coroa galega en Elite. A vilaboense completou a carreira en 1:25:01, avantaxando en 50 segundos a Lara Lois (C. C. O Grove). O terceiro posto ocupouno Desiree Duarte (Bioracer), a máis de 13 minutos da primeira clasificada.

Os corredores do Academia Postal-Actyon-Maceda monopolizaron o podio na competición junior masculina. Iván Feijoo venceu por diante dos seus compañeiros de equipo Abel Franco e Román Saa. O club ourensán tamén dominou noutras dúas categorías. Carlos Canal superou a Adrián Barros (Coruxo) e a Eloy Espiñeira (Caimanes de Betanzos) en cadete masculino e Antía Martínez a Marta Vila (Fornelos) e Andrea García (Cambre) en féminas cadete.

Outra das triunfadoras da xornada foi Irene Trabazo. Na súa primeira participación desta temporada en XCO adxudicouse a vitoria por diante de Sara Trigo (Óscar Pereiro), líder do Open de Galicia. O terceiro posto foi para Carlota Cañamero (Coruxo).

Nas catro carreiras de masters ningún club repetiu triunfo. Alejandro Mesías (Cambre) en Master-30, Manuel Armada en Master-40, Óscar Lorenzo (Bici Verde) en Master-50 e Silvia Deira (Os Aforcados) en Master féminas foron os gañadores.