Paso adiante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na cuarta proba puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo na estrada, celebrada este luns cunha nova edición do Gran Premio Primavera da localidade albaceteña de Ontur.
Alejandro Gómiz rozou o triunfo nunha xornada de tempo desapracible, e cos puntos sumados pega un importante estirón na xeral do certame para situarse no Top-10.
A choiva non detivo unha carreira con 172 quilómetros cun perfil que convidaba a unha chegada con moitos ciclistas na pelexa, xa fose ao sprint ou con algún fuxido impoñéndose ao grupo.
Foi o que pasou, nunha exhibición de Francisco Muñoz, ciclista do Eolo- Kometa que botou un pulso ao grupo principal na última volta do circuíto impoñéndose con apenas dous segundos de vantaxe sobre Andoni López de Abetxuko (Caixa Rural) e Gómiz, terceiro.
Andrea Pietrobon (Eolo Kometa) entrou en cuarto lugar para colocarse como novo líder da xeral, mentres que a actuación do Froiz completouna Pedro Monroy entrando no posto 19 dentro do grupo principal.