Álex González, reforzo para a banda esquerda do Pontevedra

Pontevedra
21 de xuño 2016
Actualizado: 19:03

O club granate confirmou este martes o que é a súa cuarta fichaxe. Álex González é interior zurdo, ten 26 anos e procede do Lealtad de Villaviciosa, equipo no que militou a pasada campaña no Grupo I da Segunda B. Comprométese por unha tempada

Álex González durante un partido co Lealtad
Álex González durante un partido co Lealtad

O Pontevedra Club de Fútbol confirmou este martes o que é a cuarta fichaxe do equipo para a próxima tempada. Trátase de Álex González, que chega a Pasarón procedente do Lealtad de Villaviciosa.

Álex, futbolista cántabro de 26 anos, é interior zurdo e completou as últimas tres campañas na división de bronce do fútbol español, no Lealtad e antes no Tropezón.

Na última tempada, na que competiu contra o Pontevedra no Grupo I da Segunda B, disputou un total de 36 partidos de liga (30 como titular) anotando seis goles.

Álex González comprométese polo Pontevedra por unha tempada.

Desta forma o cadro granate segue perfilando o seu plantel ao sumarse esta operación ás contratacións xa anunciadas de Dani Portela, David Añón e Javi Bonilla.

BORJAS MARTÍN, AO REAL MURCIA

Mentres o Pontevedra sonda o mercado na busca de reforzos, os futbolistas que abandonaron a disciplina granate seguen confirmando o seu novos destinos. É o caso de Borjas Martín, que se comprometeu por un dos aspirantes ao ascenso, o Real Murcia.

O dianteiro canario foi confirmado polo cadro murciano como a súa primeira fichaxe unha semana despois de romper as negociacións que mantiña co Pontevedra para a súa renovación.