Cumpre a súa décimocuarta tempada co Arxil. ÿ a capitá do conxunto verde e a xogadora que disputou máis partidos co equipo pontevedrés na Liga Feminina 2. Ana Martín achega sempre e Mayte Méndez ten nela unha especie de prolongación da adestradora sobre a pista.
Aproveitando a paréntese ligueira desta fin de semana, quixemos coñecer máis a fondo a unha das pezas claves dun Arxil que está a protagonizar un grande inicio de tempada e apunta moi alto.
Con que idade empezaches a xogar ao baloncesto e onde?
Empecei a xogar cando estaba en 3º de EGB, con 9 anos, no equipo do colexio Compañía de María de Vigo.
Quen te ensinou máis no baloncesto?
A verdade que sempre aprendes un pouco de todos, tanto de adestradores coma de xogadoras, pero sen dúbida co que máis se aprende é co propio xogo.
Cal foi o mellor momento na túa vida deportiva e o peor?
Quedaría con dous momentos. O primeiro cando era júnior de segundo ano, xogaba no Celta con Andrea Carrera, Ana Román e Marta Cobián e gañamos o campionato galego no Estadio da Xuventude contra o Arxil, no que xogaba Gloria Noriega, coa que despois compartín vestiario, foi o final perfecto para un grupo de grandes amigas. O segundo foi o ano que nos clasificamos para a fase de ascenso a Liga Feminina gañando a Valladolid cun triplo que metín dende o medio do campo, puxémonos a saltar como tolas. O peor sen dúbida as lesións, que por sorte non foron moitas, pero é duro ver á xente adestrar e competir e non o poder facer.
Como pasades o tempo nas viaxes?
Pois a maioría hibernan, soben ao bus, bótanse a durmir e non as volves ver ata a hora de comer ou de xogar. Por desgracia a min non me pasa o mesmo, así que sempre "engano" a algunha para ir de charla e ver algunha película. Pero a sesta non a perdoo.
Que obxectivos te marcas a nivel individual e colectivo para esta tempada?
O obxectivo é axudar o equipo a estar o máis alto posible na clasificación.
Que é para ti o Club Baloncesto Arxil?
O Arxil é unha familia da que levo formando parte moitos anos. Coñecen os teus problemas e as túas alegrías, axúdanche en todo o que poden, e as nenas do club e os seus pais sempre teñen un sorriso para ti. Así dá gusto ir a adestrar cada día.
Un consello ou unha frase que che dixese algún adestrador e a recordes a miúdo.
Cando empecei a xogar ao baloncesto no colexio a miña adestradora foi Marisol Paíno, e nunca esquecerei a frase que utilizaba para esixirnos máis esforzo: "Mi abuelita lo hace más rápido que tú". Agora pénsoo e río, pero cando mo dicía asustábame.
Que lle dirías os afeccionados para que vaian ao Estadio a vervos.
Sinceramente non fai falta dicirlles nada, porque sempre que xogamos no Estadio as bancadas están cheas, e nos momentos difíciles é impresionante sentir como te animan, é unha sensación marabillosa.