Cita importante para o Club Natación Galaico.
Se hai xusto un ano a entidade pontevedresa celebraba o seu ascenso, agora pelexará por conseguir o título de mellor club galego.
Un ano de rexurdir que queren culminar facéndose co primeiro posto da Fase Final da Liga de Clubs de División de Honra que se disputa este sábado 17 de maio en Lugo.
O CN Portamiñá, anfitrión e campión nas últimas edicións, preséntase como gran rival a bater.
Con todo, o Galaico non renuncia a nada grazas a "un plantel moi equilibrado, preparado para loitar punto a punto por cada proba", afirman desde o corpo técnico,
Aseguran desde o club que o seu bo momento se debe a unha suma de diversos factores, como o regreso de nadadores veteranos, novas fichaxes, a solidez da súa base e o traballo do seu adestrador Sergio Silva.
Serán un total de 32 nadadores os que representarán o Galaico na gran cita da natación autonómica, abarcando todas as categorías (infantil, júnior e sénior).
Ademais do propio Galaico e do CN Portamiñá, competirán na fase final CN Arteixo, CN Ferrol, Fluvial de Lugo e CN Ponteareas.