Antía Chamosa despídese da Gimnástica: "Foron seis anos moi especiais"

Pontevedra
01 de decembro 2025

A marchadora pontevedresa, seleccionada para os Xogos Olímpicos de París e finalista no último Mundial, deixará esta tempada de competir coa Sociedad Gimnástica ao fichar polo equipo Joma

Antía Chamosa, no Campionato Galego de Marcha o aire libre no CGTD Cristina Saiz

"Despídome da que foi a miña casa durante os últimos 6 anos".

Con esas palabras Antía Chamosa confirmou este luns que pon punto e final á súa etapa na Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

A marchadora pontevedresa, seleccionada para os Xogos Olímpicos de París e finalista no último Mundial, dá un paso adiante na súa carreira fichando polo equipo de Joma.

"Nunca esquecerei o que é chegar a unha pista e sentirse sempre en familia: as viaxes en bus ou furgoneta, as miñas compañeiras de habitación, o techno de Claudia Puig antes de competir, os ánimos na pista, e todo o que vivín con elas. Foron seis anos moi especiais", asegurou a campioa de España de marcha.

É un paso que foi acollido con naturalidade desde a Gimnástica, a pesar de perder a unha atleta que "foi para o noso club un puntal do equipo feminino na Liga de Atletismo".

"Vímola crecer, competir e adestrar, aprender, caer e levantarse, sendo un exemplo para todos dentro da pista", aseguran con orgullo desde o club pontevedrés.

Todo tras unha tempada recentemente finalizada na que "botou a voar como nunca" e que lle permite agora perseguir "obxectivos máis ambiciosos fóra de Pontevedra".

"Agradecémoslle a súa actitude, o traballo, o exemplo que foi e sempre será para a canteira e as súas compañeiras de equipo. Leva consigo as amizades, as anécdotas destes 6 anos e, sobre todo, o agarimo de todos nós. Parabéns ao seu novo equipo, porque non só ficharon a unha campioa, senón a unha persoa case tan grande como o seu constante sorriso, que botaremos de menos", conclúe a Gimnástica dirixíndose a unha atleta que sempre será das súas.