Antía García asina un triplete de ouro no nacional de salvamento en distancias curtas

Umia
13 de decembro 2021

A nadadora de Caldas vence nas tres modalidades nas que competiu e marca ademais un novo récord de España en cada unha delas

Antía García, nadadora do Club Acuático Umia, no máis alto do podio do campionato de España de Salvamento
Antía García, nadadora do Club Acuático Umia, no máis alto do podio do campionato de España de Salvamento / Club Acuático Umia

A nadadora do Club Acuático Umia Antía García volveu protagonizar unha fin de semana estelar. Despois de proclamarse tripla campioa de Europa de salvamento, a deportista de Caldas repetiu fazaña no segundo Campionato de España de Distancias Curtas celebrado en Valladolid.

A moza conseguiu tres medallas de ouro e bateu tres récords de España. García non tivo rival e logrou vencer con solvencia as  trespuebas nas que participou. E para marcar terreo xa nas eliminatorias previas bateu os récords nacionais para, na final, repetir triunfo e facerse con tres ouros.

Todo o máis alto do podio subiuse a nadadora nas modalidades de 50 metros obstáculos, cun tempo final de 27 segundos e 72 centésimas; nos 50 metros combinada, ao parar o cronómetro en 30 segundos e 84 centésimas; e en 50 metros aletas, cunha marca de 23 segundos e 3 centésimas.

Pero os resultados de Antía García non foron os únicos éxitos do Club Acuático Umia na fin de semana. A base do equipo caldense luciuse tamén no Memorial Carlos Servando, o trofeo galego máis antigo que se disputa en Galicia. A Carballo desprazou o Umia a 28 nadadores de categoría cadete, xuvenil e absoluta para conquistar seis medallas de ouro e unha de prata que foron suficientes para acabar no terceiro posto da clasificación xeral por equipos.