Antía García bate o seu propio récord nacional no Campionato de España de Inverno de Salvamento

Umia
01 de marzo 2021

A deportista do Club Acuático Umia colgouse tres medallas de ouro no campionato nacional celebrado durante a fin de semana en Elxe

Antía García, no Campionato de España de Inverno de Salvamento e Socorrismo
Antía García, no Campionato de España de Inverno de Salvamento e Socorrismo / Club Acuático Umia

A Piscina Municipal Esperanza Lag de Elxe, en Alacante, foi escenario durante a fin de semana do Campionato de España Xuvenil, Junior e Absoluto de Inverno de Salvamento e Socorrismo, con protagonismo para unha representante do Club Acuático Umia.

Antía García foi unha das mellores nadadoras do campionato conseguindo tres medallas de ouro e batendo un récord de España absoluto, rebaixando a marca que ela mesma ostentaba.

A caldense conseguiu esa mellor marca nos 50 metros remolque de  maniquí, rebaixando o seu anterior rexistro en 10 centésimas ao parar o crono en 00:34:80.

Ademais Antía conseguiu un récord galego nos 100 metros socorrista (01:01:61) onde tamén finalizou primeira.

A súa tripla de vitorias completouna na proba na que en 2018 proclamouse campioa mundial, os 100 metros remolque de maniquí con aletas, cun tempo de 00:52:89.

Boas sensacións por tanto no inicio da tempada para a deportista do Club Acuático Umia, todo un valor seguro que levou ao seu club á décima posición da clasificación por equipos absoluta feminina e á 17ª na xeral.