O Club Acuático Umia volve do Aberto Internacional / Campionato de España Absoluto cun gran sabor de boca. O acuático Umia conseguía ademais un gran noveno posto na clasificación final absoluta entre máis de 40 clubs de toda a xeografía española e de países como Gran Bretaña, Alemaña, Italia ou Marrocos, sendo as mulleres absolutas quintas, a só 30 puntos do bronce na clasificación feminina absoluta.
A gran protagonista dos/as laranxas foi de novo Antía García, que conseguía tres medallas individuais e un novo Récord de España na proba 100 aletas, parando o crono en 51,33".
Durante o Campionato, a Federación Española de Salvamento (RFESS) homenaxeou e recoñeceu ao Umia o éxito organizativo do recente campionato de España Infantil-Cadete celebrado na piscina Antía García de Caldas cun acto no que a presidenta da Federación Española, Isabel García Sanz entregaba a Rubén Monteagudo, presidente do Umia, unha placa de agradecemento polo traballo realizado nese evento e tamén pola conmemoración do 25 aniversario da entidade caldense.
A delegación do Club Umia desprazada a Tenerife foi a integrada polos xuvenís: Martiño Mosquera, Miguel Sánchez, Abel González, Hugo Loureiro e Lidia Aboy; o júnior Manuel Vilar e Daniel Andújar; e os absolutos Ana Abal, Antía García, Ainoa Carracedo, Álex Piso e José Ramón Rey
A laureada nadadora do Umia, Antía García acadou tres medallas: un ouro en 100 aletas, con récord de España incluido; e dúas pratas en 100 socorrista e 50 rescate. Á pontevedresa só a superou nestas dúas probas unha nadadora xermana, polo que de feito é tamén campiona de España destas dúas modalidades.
O cuarto metal foi para o Relevo 4x50 tubo Absoluto feminino conformado por Ana, Lidia, Antía e Ainoa. As caldenses só foron superados polo Club Natación Silla e pola selección Alemana, por tanto, foron bronce na categoría Open, pero subcampionas de España.