Conseguírono. As padeeiras do E. P Ciudad do Pontevedra, Antía Jácome e Antía Otero, proclamáronse campioas da Copa do Mundo de Sprint en Szeged, Hungría.
Despois de conseguir o billete no selectivo celebrado no complexo deportivo David Cal de Verducido, 'as dúas Antías' desprazáronse a Hungría para disputar a única cita internacional que se mantivo vixente no calendario de competicións de piragüismo e, como non podía ser doutra maneira, as novas padeeiras pontevedresas non defraudaron e fixeron historia cun tempo de 45.01 en C2-200 metros. A prata foi para as tamén españolas, Patricia Coco e María Corbera (45.55), mentres que o bronce foi para as rusas Irina Andreeva e Daria Kharchenko (45.72).
O sábado tamén houbo podio podio español en Szegez. Os padeeiros do Kayak Tudense, Roi Rodríguez e Albert Martí proclamáronse Campións do Mundo na final de K2-500, cruzando a liña de meta nun tempo de 1:29.60. A prata foi para a embarcación española formada por Pedro Vázquez do Kaiak Tudense e Pelayo Roza, recente fichaxe do Fluvial de Lugo (1:29.77).
Pola súa banda, Jácome tamén participou o sábado e logrou un meritorio sexto lugar na final de C1-200 metros, mentres que Vázquez e Roza quedaron ás portas do podio ao lograr un cuarto posto en K4-500, onde competiron cos españois Carlos Borras e Enrique Adán e, o morracense David Barreiro, que adestra a diario no CGTD, tivo a súa oportunidade no C1-1000 e C1-500 pero en ambas as probas quedou fóra da opción a medalla..
Representando a Galicia tamén estaba Lara Feijóo, do Kayak Tudense. A padeeira competiu en K1-200 e quedou ás portas de clasificarse para a final B e, unha hora máis tarde, participou na final B de K2-500 xunto coa asturiana Miriam Vega logrando o sexto posto. Feijóo tamén competiu na modalidade mixta co madrileño Enrique Adán pero non pasaron do corte para as finais.