Once padeeiros galegos clasificáronse para o Mundial de piragüismo que se celebrará entre os días 22 e 26 de agosto en Montemor (Portugal). Sete deles xa tiñan a súa praza asegurada, polos resultados obtidos nos últimos meses, pero catro mulleres lograron billete no control selectivo disputado este xoves no encoro de Pontillón do Castro.
Trátase de Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), María Pérez (Náutico O Muíño), Natalia García (Breogán O Grove) e Carla Frieiro ( As Torres).
As catro súmanse a Cristian Toro, Rodrigo Germade, Roi Rodríguez, Rubén Millán, Adrián Sieiro, Sergio Vallejo e Teresa Portela.
A primeira en clasificarse foi a pontevedresa Antía Jácome no C1 200 metros. Unha final na que se impuxo ás súas rivais, María Corbera e Patricia Coco. Ademais na distancia olímpica de C2 500 Jácome, xunto con María Pérez, lograban a vitoria e o pase para disputar campionato do mundo.
Na proba de K2 500 metros, Natalia García impoñíase xunto á padeeira catalá Laia Pelachs, unha regata na que a dupla formada por Teresa Portela e Carla Frieiro ocupou o segundo lugar.
Queda por determinar se a última praza mundialista no K1 500 metros é para a catoiresa Carla Frieiro. O resultado final reflicte un segundo posto para a padeeira do Club As Torres, nunha regata na que resultou vitoriosa Laia Pelachs. A falta de confirmación oficial esta última renunciará a representar a España en K1 para centrarse no K2 500 metros.
Por último, a vitoria na final de C1 1000 metros levouna o canoísta sevillano Gonzalo Martín Fixo, nunha proba con varios representantes galegos que nada puideron facer ante o empuxe do padeeiro do Club Náutico Sevilla.