Máis aló do ruído xerado no Arosa pola marcha do seu capitán Julio Rey e a polémica co seu adestrador e director deportivo Luisito, o club arlequinado avanza con paso firme na planificación da próxima tempada.
Tras o bloque de 11 renovacións anunciadas o pasado xoves, este luns uniuse a primeira fichaxe estival dos da Lomba.
Trátase de Antón Concheiro, centrocampista coruñés de 24 anos con experiencia en Segunda RFEF nas filas do Bergantiños e o Don Benito, aínda que a tempada recentemente finalizada concluíuna no CD Barco de Terceira.
"Cando me chamo Luis sabía que era unha moi boa oportunidade para seguir crecendo como futbolista. Buscaba un proxecto ambicioso e, a verdade, non o pensei moito: estou no lugar ideal", asegurou o xogador en declaracións difundidas polo Arosa.
Concheiro definiuse como un "mediocentro de bo pé e bo golpeo de balón; un futbolista solidario co equipo, gústame abarcar campo e ser protagonista co balón".
primeira fichaxe do verán no Arosa SC
— Arosa SC (@AROSASCOFICIAL) June 12, 2023
O centrocampista coruñés de 24 anos incorpórase ás filas do Arosa SC, converténdose así na primeira incorporación para a tempada 2023/2024.
: https://t.co/86mAkAQIIj#ArosaSC #ForzaArosa pic.twitter.com/XLsr8OsPau
O futbolista únese desta forma a un plantel no que xa estaban confirmados o gardameta Manu Táboas, os defensores Sergio Cotilla, Santi Figueroa, Pacheco, Nacho Carús e Martín Sánchez; os centrocampistas Brais Pedreira, Brais Vidal e Iñaki Martínez; e os atacantes Borja Míguez e Sylla.