Antón Concheiro, primeira fichaxe do Arosa

O Salnés
12 de xuño 2023

O centrocampista coruñés, de 24 anos, ten experiencia en Segunda RFEF co Bergantiños e o Don Benito, aínda que chega procedente do CD Barco de Terceira. "Buscaba un proxecto ambicioso", asegura

Antón Concheiro, novo xogador do Arosa SC Arosa SC

Máis aló do ruído xerado no Arosa pola marcha do seu capitán Julio Rey e a polémica co seu adestrador e director deportivo Luisito, o club arlequinado avanza con paso firme na planificación da próxima tempada.

Tras o bloque de 11 renovacións anunciadas o pasado xoves, este luns uniuse a primeira fichaxe estival dos da Lomba.

Trátase de Antón Concheiro, centrocampista coruñés de 24 anos con experiencia en Segunda RFEF nas filas do Bergantiños e o Don Benito, aínda que a tempada recentemente finalizada concluíuna no CD Barco de Terceira.

"Cando me chamo Luis sabía que era unha moi boa oportunidade para seguir crecendo como futbolista. Buscaba un proxecto ambicioso e, a verdade, non o pensei moito: estou no lugar ideal", asegurou o xogador en declaracións difundidas polo Arosa.

Concheiro definiuse como un "mediocentro de bo pé e bo golpeo de balón; un futbolista solidario co equipo, gústame abarcar campo e ser protagonista co balón".

O futbolista únese desta forma a un plantel no que xa estaban confirmados o gardameta Manu Táboas, os defensores Sergio Cotilla, Santi Figueroa, Pacheco, Nacho Carús e Martín Sánchez; os centrocampistas Brais Pedreira, Brais Vidal e Iñaki Martínez; e os atacantes Borja Míguez e Sylla.