Ao redor de "2.000 deportistas de 70 países" competirán en Pontevedra no Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas

Pontevedra
13 de decembro 2023

O Concello de Pontevedra acolleu este mércores a primeira reunión do comité organizador do Campionato do Mundo Sub-20 de Loitas Olímpicas que se celebrará na Boa Vila do 2 ao 8 de setembro de 2024

Primeira reunión do comité organizador do Campionato do Mundo Sub-20 de Loitas Olímpicas
Primeira reunión do comité organizador do Campionato do Mundo Sub-20 de Loitas Olímpicas / Concello de Pontevedra

Primeiros pasos na organización do Campionato do Mundo Sub-20 de Loitas Olímpicas que se celebrará en Pontevedra do 2 ao 8 de setembro de 2024.

O Concello acolleu este mércores a reunión constitutiva do Comité Organizador do evento, no que ademais das tres administracións galegas (Concello, Deputación e Xunta) participarán represententas das federacións galega, española e internacional de loita e tamén do Consello Superior de Deportes (CSD).

Será unha competición de gran repercusión, e é que "calculamos sobre 2.000 deportistas de 70 países", recoñeceu o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores. Entre eles "probablemente asistan os rusos e bielorrusos", confirmou tras o veto a ambas as dúas delegacións nos mundiais celebrados en Pontevedra en 2022 polo estalido da guerra en Ucraína.

Esta competición, o Mundial Sub-20, está plenamente asegurada para Pontevedra, pero a cidade quedou sen poder completalo con outro Mundial previsto, o da modalidade de Grappling e que finalmente se disputará en Acerbaixán. Por iso "estamos a pensar en facer o Campionato de Europa", confirmou o alcalde, o que engadiría dous días máis de competición o 9 e 10 de setembro "con máis de 400 deportistas".

O orzamento para este gran evento "superará o 1.200.000 euros", avanzou Lores matizando que "aínda non está pechado".

Polo demais "a Federación Internacional xa ten validado a Pontevedra como sede mundial polas nosas experiencias anteriores". A nivel técnico, iso si, está previsto pasar revisión ao Pavillón Municipal dos Deportes para comporbar se será posible ampliar a superficie de competición para instalar catro tapices en lugar dos tres que se habilitaron en 2022 no Mundial Sub-23.