Aprazada ata o 12 de setembro a Pontevedra 4 Picos Bike

Pontevedra
26 de marzo 2020

A organización da proba ciclista, que este ano chega á súa sexta edición e que estaba fixada no calendario para o sábado 9 de maio, anunciou este xoves o seu aprazamento para garantir a seguridade dos participantes. A 4 Picos contaba con 1.250 deportistas inscritos

Terceira edición da Pontevedra 4 Picos Bike
Terceira edición da Pontevedra 4 Picos Bike / PontevedraViva

O calendario de eventos deportivos de Pontevedra segue acumulando cancelacións, a última a dunha proba ciclista que pasaba por ser das máis multitudinarias do ano, a Pontevedra 4 Picos Bike de BTT.

A organización do evento, Global DxT, anunciou este xoves o aprazamento da súa sexta edición, prevista inicialmente para o vindeiro sábado 9 de maio e que contaba xa con 1.250 ciclistas rexistrados.

"Ao comezo desta crise, a idea da organización da Pontevedra 4 Picos Bike era a de manter a calma e a data da proba, debido a que considerabamos que non podiamos apresurarnos a tomar unha decisión debiamos esperar a ver como se sucedían os acontecementos e cales eran as indicacións das autoridades competentes. Despois deste primeiro comunicado, todo cambiou, o virus avanza, a situación endureceuse e o goberno ampliou 15 días máis o estado de alarma. Por iso cremos que o máis acertado é realizar o aprazamento de data da proba para que todos podamos gozar dela con garantías, velando sempre pola vosa seguridade", reza o comunicado co que confirmaron a súa decisión.

A idea con todo é poder chegar a celebrar os 4 Picos este mesmo ano, e para iso empezaron a realizar xestións e solicitar permisos para unha nova data, o 12 de setembro.

Segundo o anuncio, todas as inscricións cambiarán automaticamente e serán válidas en setembro, e para os deportistas aos que o cambio non lle permita asistir poden acollerse a varias opcións: cambiar a titularidade da praza, solicitar a devolución do 100% da cota abonada ou pasar a súa inscrición para a edición de 2021.

Para acollerse á última opción será necesario enviar un correo electrónico antes do 15 de abril a [email protected].