Aprobado o calendario electoral á presidencia do Arxil

Pontevedra
29 de novembro 2023

As candidaturas para presidir o club pontevedrés deberán presentarse antes do día 12 de decembro, segundo quedou establecido no calendario electoral aprobado nunha asemblea de socios extraordinaria

Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD
Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD /

Conta atrás no Club Baloncesto Arxil para iniciar formalmente o proceso de eleccións á presidencia da entidade.

Os socios do Arxil aprobaron nunha asemblea extraordinaria celebrada este luns 27 de novembro a constitución da Xunta Electoral así como o calendario que rexerá o proceso tras esgotarse o mandato de Milagros Sanmartín.

Por unha banda a Xunta Electoral quedou formada por Pedro González, Natalia Soage e Javier García.

En canto ás datas importantes, a partir do 1 de decembro e ata o día 12 poderanse presentar as candidaturas á presidencia, para o que será necesario achegar o aval de polo menos o 10% dos socios do club.

De existir máis dunha candidatura, as eleccións celebraranse nunha asemblea de socios prevista para o día 18 de decembro.