O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece que lle espera a próxima tempada na Copa do Rei, competición para a que xa está matematicamente clasificado.
A Asemblea Xeral Extraordinadira da Real Federación Española de Fútbol aprobou este luns o novo modelo para a competición do K.O., que xogarán un total de 116 equipos.
Entrarán no bombo os 20 equipos de Primeira División (os 4 participantes na Supercopa incorporaranse en terceira rolda), 22 de Segunda División, 28 de Segunda B, 32 de Terceira División, os 4 semifinalistas da Copa RFEF e 10 equipos da máxima categoría territorial (Preferente) que sairán dunha fase previa.
Desta forma, no que respecta á categoría de bronce, clasificaranse os 7 primeiros equipos de cada grupo sen contar filiais, polo que o Pontevedra ten xa asegurado o seu billete de maneira matemática. Pola súa banda en Terceira clasificaranse os campións de cada grupo e 14 subcampións en base ao seu coeficiente.
Para acceder á final, disputaranse seis roldas eliminatorias, todas elas a partido único fóra das semifinais, que se disputarán en formato de ida e volta. Na primeira rolda eliminatoria, onde se aplicarán criterios de proximidade xeográfica para o sorteo, os 38 equipos de Primeira e Segunda división mediranse aos clubs de categoría territorial, Terceira división e semifinalistas de Copa RFEF. Os oito restantes quedarán emparellados cos clubs de Segunda B, segundo concretou a Real Federación Española de Fútbol.
A primeira rolda da próxima Copa do Rei disputarase o 18 de decembro de 2019, fixándose a segunda para o 12 de xaneiro, os 1/16 de final para o 22 de xaneiro, 1/8 o día 29 de xaneiro, os 1/4 de final o 5 de febreiro, as semifinais 12 de febreiro e 4 de marzo e a gran final o día 18 de abril.
Outra das novidades da competición é que en todos os partidos nos que tome parte polo menos un club profesional, deberá disputarse en superficie de céspede natural.