O inicio da competición está máis preto para os equipos da comarca que participan en ligas non profesionais de ámbito estatal, como pode ser a Segunda B e Terceira de fútbol, a División de Honra Prata de Balonmán, a Primeira División de Fútbol sala ou a Liga Feminina 2 de baloncesto, entre outras.
Polo menos equipos da comarca como o Pontevedra, Poio Pescamar, Teucro, Arxil ou Leis, por poñer algúns exemplos, xa saben ao que deberán aterse ao longo do curso para poder competir.
O Consello Superior de Deportes (CSD) publicou a última hora do xoves o protocolo que rexerá estas competicións, con directrices de obrigado cumprimento e diversas recomendacións.
Entre os aspectos destacados explícase as medidas de prevención de seguridade e hixiene que se deberán seguir, sumando ás habituais recomendacións de uso de máscara, limpeza e desinfección, outras normas para adestramentos, partidos e desprazamentos.
A nivel competición por exemplo os deportistas deberán eludir saúdos e mostras de afecto con contacto físico, e os equipos deberán evitar coincidir na chegada e saída das instalacións. Unha vez no recinto será necesario habilitar os vestiarios necesarios para poder manter a distancia de seguridade ou, na súa falta, establecer quendas.
Un dos puntos máis polémicos ata a data estaba na norma sobre os recoñecementos médicos, quedando limitado agora ao consello de realizar probas de detección de Covid ao iniciar os adestramentos de pretempada ou na súa falta 72 horas antes do inicio da competición.
En canto á presenza de público, fíxase como recomendación a cifra máxima de 1.000 espectadores ao aire libre e 500 baixo teito, aínda que aquí a responsabilidade final será de cada comunidade autónoma, e no caso de Galicia o Secretario Xeral para o Deporte xa se mostrou partidario de estudar algún incremento puntual para equipos como o Pontevedra, en estadios que o permitan.
Por último, entre diversas cuestións destaca o protocolo de actuación en caso de rexistrar algún positivo no equipo, que deberá ser comunicado inmediatamente á Consellería de Sanidade, á federación deportiva correspondente e á autoridade local, debendo seguir as recomendacións do Ministerio de Sanidade e sendo obrigado realizar unha desifección meticulosa nas instalacións.