Nunha pelexa tan pechada como a actual polo primeiro posto, e por tanto polo ascenso directo, calquera aspecto por pequeno que sexa pode desnivelar a balanza. Neste sentido o Pontevedra Club de Fútbol garda un pequeno as baixo a manga co calendario que afrontará na fase decisiva do campionato.
O conxunto granate, líder en solitario a falta de seis xornadas con dous puntos de vantaxe sobre o Ourense CF e cinco sobre o Zamora, debe visitar este próximo sábado 30 de marzo (16.30 horas) o campo da Arandina CF, pechacancelas con 21 puntos e cun pé case xa na Terceira RFEF ao estar a 11 puntos da salvación. Pero máis aló do propio partido en Aranda de Duero, localidade situada a algo máis de 550 quilómetros de casa, o feito é que será o último desprazamento fóra de Galicia da tempada para o cadro pontevedrés.
Ata final de curso o equipo da Boa Vila terá que recibir aínda en Pasarón a Covadonga, Ourense CF e Racing Villalbés, mentres que as outras dúas saídas que lle restan por afrontar serán nos campos da SD Compostela e o RC Deportivo Fabril.
Dous desprazamentos a poucos quilómetros de distancia nos que previsiblemente, sobre todo se o ascenso está en xogo, os granates poderán contar co empuxe dos seus afeccionados.
En canto aos seus principais rivais, máis aló da súa visita a Pasarón na antepenúltima xornada, o Ourense CF aínda deberá afrontar saídas complicadas como son Guijuelo e Real Avilés, en loita polo play-off. O Zamora pola súa banda fóra da casa debe xogar fronte a Rayo Cantabria, Marino de Luanco e Langreo, equipos todos eles con moito en xogo.