Arantxa Mallou sela a súa continuidade co Arxil unha tempada máis

Pontevedra
28 de xullo 2018

A escolta compostelá cumprirá a súa terceira campaña no equipo. O club entrégalle galóns como unha das xogadoras de referencia sobre as que asentar o seu novo proxecto deportivo

Arantxa Mallou, no partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD
Arantxa Mallou, no partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD / Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil seguirá contando un ano máis nas súas filas con Arantxa Mallou.

A entidade dálle galóns á escolta compostelá, da que espera sexa unha das referencias do novo proxecto deportivo na que será a súa terceira campaña en Pontevedra.

Mallou, que aterrou no Arxil no inverno da tempada 16-17, alcanzou de media o último curso unhas cifras de 12,5 puntos e 7,3 rebotes por partido sendo a máxima anotadora do equipo (326 puntos).

Pechada a súa continuidade, unha das prioridades da directiva, son catro as xogadoras confirmadas polo Arxil xunto a Carla Fernández, María Lago e Cristina Díaz-Pache.

Xunto a elas espérase seguir contando con Aldara Vázquez e Noa e con xogadoras que compaxinen o primeiro e segundo equipo, completándose o plantel con tres reforzos que están preto de pecharse para os postos de aleiro, pívot e ala-pívot.